Friday 03 de May de 2024

O Concello de Boqueixón inviste máis de 130.000 euros na mellora do alumeado das súas instalacións deportivas


O alcalde, Ovidio Rodeiro, calcula que “con estas actuacións aforraremos ata un 62% da factura mensual da luz e estaremos contribuíndo ademais a conservar o noso medio ambiente”

O Concello de Boqueixón vén de investir máis de 130.000 euros na mellora das instalacións de alumeado dos seus recintos deportivos. “Un investimento que permitirá que a veciñanza poida gozar dunhas mellores instalacións, que o Concello poida aforrar ata un 62% na factura mensual da luz e que todos desfrutemos coidando do noso medio ambiente, ao reducir as emisións á atmosfera e usar material totalmente reciclable”, explica o alcalde, Ovidio Rodeiro.

Isto será posible grazas ao cambio dos antigos proxectores de halogenuro metálicos por unhas modernas luminarias de tecnoloxía LED, con protección fronte a impactos. Así, mantendo a mesma tensión, as novas tecnoloxías permitirán reducir o consumo en case un 79%, ao pasar de 28.305 W a 6.000 W.

Unhas melloras que xa poden desfrutar os usuarios e usuarias dos campos de fútbol do Forte e de Camporrapado, así como as persoas que cada día empregan os pavillóns municipais de Lestedo e do Forte, onde tamén se aproveitou a actuación para mellorar o alumeado do ximnasio municipal.